05/10/2026
🗺️ OUTUBRO 2026: EN BUSCA DO VAL INQUEDANTE 🗺️
Este mes, desde o Cineclube propoñemos unha expedición na procura de filmes que nos acheguen ao val inquedante (ou, en inglés, o "uncanny valley"). Este concepto refírese ao desacougo que nos provocan aquelas imaxes e obxectos que son case humanas sen chegar a selo de todo. En lugar de empatizar con elas pola nosa identificación, estas figuras (saian da robótica, a intelixencia artificial, a animación, a cirurxía estética) inquiétannos, preocúpannos. E, tal vez, fascínannos.
Este mércores abrimos o ciclo con EN/CARA, un clásico do cinema de acción dos anos 90 no que nos enfrontamos á estrañeza do xogo interpretativo entre Nicolas Cage e John Travolta, criminal e policía que intercambian rostros.
A semana seguinte seguimos explorando a idea desde unha figura do surrealismo como Jan Švankmajer, que en SOBREVIVIR Á SÚA VIDA conta a historia dun home casado que vive unha dobre vida nos seus soños. Faino usando unha mestura de animación cutout e segmentos de acción real.
O mércores 21 veremos unha selección de pezas curtas titulada ▛▟ ██9% hum9 9 % ▛▚▞▜ ▞▚ ⫣m͞
⫣9͞⊫▞▚ ▛▟Ⓗ̙⌏⌌ ⶴ፱ጮልክዐ ⫣h͞ A peza central da mesma, por duración, é COELLOS de David Lynch, acompañada de A MULLER QUE SE MAQUILLA de Patrick Bokanowski, O VERTEDOIRO de Alison MacLean e POSIBLEMENTE EN MICHIGAN, de Cecilia Condit.
Pechará o mes unha selección de pezas tiradas da rede titulada QUE INQUEDANTE ERA O MEU VAL! (de internet como escolma de memorias dixitais).
Cartaz da nosa socia Edí Oca
Grazas aos nosos socios protectores:
Unitaria | NUMAX | Café Bar El Muelle | Café Bar O Trece | A Medusa Pub | jatafarta | Histeria Teatro | Libraría Couceiro | Libraría de Mulleres Lila de Lilith | Flamingocompostela